Por que votar as candidaturas De Verdad contra la crisis-Unificación Comunista de España o próximo 21 de outubro? Porque defendemos a necesidade de crear unha fronte ampla de UNIDADE. UNIDADE do 90% do noso pobo para loitar contra os recortes e axustes que nos impoñen o FMI e Bruxelas. UNIDADE para aplicar un programa de redistribución da riqueza, ampliación da democracia e defensa da soberanía nacional de España, que nos permita saír da crise en beneficio da maioría.
As nosas candidaturas son as únicas en Galicia que afirman, como primeiro punto do programa, que si se pode acabar co paro. Que é posible crear 250.000 postos de traballo produtivos ou de utilidade social nos vindeiros 4 anos. Como? Sobre a base de tres medidas de redistribución da riqueza impulsadas dende o goberno galego. «Hai que transformar Novagalicia Banco nun banco público controlado polos aforradores e depositantes»
En primeiro lugar, transformando Novagalicia Banco nun banco de propiedade pública sen ánimo de lucro, xestionado polo goberno autonómico e controlado por aforradores e depositantes. Todos os seus recursos, que foron xestionados de maneira infame e presuntamente delituosa, hai que poñelos ao servizo de reactivar inmediatamente o crédito ás PEME e autónomos para relanzar o investimento produtivo e a creación de emprego na nosa rexión.
Polo seu enorme volume de activos (equivalentes ao 135% do PIB galego), transformar Novagalicia Banco nun banco público é dotar a Galicia dun sólido piar financeiro dende o que é posible lanzar un ambicioso plan de reindustrialización, expansión e modernización da economía galega.
Asemade, o control público de Novagalicia Banco permite poñer en marcha un plan para a devolución, nun prazo máximo dun ano, do diñeiro investido en preferentes polos 43.000 pequenos aforradores galegos estafados.
En segundo lugar, negociando unha moratoria do 70% do pagamento da débeda pública durante os vindeiros 4 anos. Só en 2012, o goberno galego vai pagar 830 millóns de euros en cubrir a débeda pública. Renegociar unha moratoria no pagamento do 70% significa un aforro de máis de 2.300 millóns de euros ao longo dos catro anos de lexislatura, suficiente para crear máis de 65.000 postos de traballo.
E en terceiro lugar, creando un tramo autonómico no imposto de sociedades para que bancos, monopolios e multinacionais paguen ata un 50% dos seus beneficios. O que daría un aumento da recadación de 1.140 millóns de euros anuais. O que permitiría crear máis de 31.000 empregos cada ano.