O noso programa para o 21-O (2)

Contra os recortes, redistribuí­r a riqueza

A nosa candidatura defende que o que hai que recortar é un 30% dos gastos innecesarios da administración autonómica. E aplicar unha suba do IRPF a quen máis ten. Con isto, si se pode aumentar, e non recortar, o investimento na sanidade ou na educación e subir as pensións mí­nimas.

Dinnos que non hai máis remedio que recortar gasto público porque durante anos vivimos por enriba das nosas posibilidades. E que agora non hai diñeiro.

Isto é unha gran mentira.

Aquí quen viviu e segue a vivir por enriba de todo son os banqueiros, executivos e altos cargos que cobran soldos de 3, 6 ou 9 millóns de euros cada ano e teñen aseguradas pensións de 30, 60 e ata 90 millóns de euros cando se retiren. «O que hai que recortar non é a sanidade ou a educación, senón un 30% dos gastos innecesarios da administración autonómica»

O noso programa defende que tanto en Galicia coma no resto de España existe diñeiro, recursos e riqueza máis que suficiente. E que todo o problema é redistribuír esa riqueza e investir eses recursos para crear emprego. Por iso, propoñemos tres medidas:

1º.- Recortar un 30% de gastos innecesarios na administración autonómica. Rebaixa dun 25% nos salarios de todos os cargos públicos con rendas anuais superiores a 60.000 euros. Prohibición de ocupar máis dun cargo público remunerado. Supresión do salario en especie para os altos cargos (axudas de custo, tarxetas a conta do erario público, coches oficiais…). Adelgazamento da estrutura da alta administración (asesores nomeados a dedo, consellos consultivos de todo tipo…). Liquidación de todas as empresas públicas que en dous anos non sexan autosuficientes. Todos eses recursos, ao servizo de mellorar a sanidade, a educación ou a axuda á dependencia.

2º.- Aumentar o tramo autonómico do IRPF ata o 55% para aquelas rendas anuais superiores aos 600.000 euros. E ata o 75% para as rendas por enriba do millón de euros anuais. Todo ese diñeiro extra recadado cada ano, destinado a elevar a contía das pensións mínimas ata os 1.000 euros mensuais no prazo de 4 anos.

3º.- Instar dende a Xunta o goberno central para elevar o salario mínimo aos 1.000 euros mensuais. Sobre a base dunha redistribución salarial global na que non haxa ninguén que cobre un salario superior aos 10.000 euros mensuais.

Estas medidas, ao aumentar a capacidade de consumo e o poder adquisitivo da maioría son as que serven para potenciar o investimento produtivo e crear emprego. Esas son as políticas que están a aplicar os países que non teñen crise, senón que medran, os países que non se someten aos ditados do FMI nin de Berlín.

Deja una respuesta