Fronte ao saqueo dos nosos salarios e ingresos cómpre máis soberanía e máis democracia. Máis soberanía para poder trazar de forma independente o noso propio camiño de desenvolvemento. E máis democracia para que prevaleza a vontade da maioría sobre unha clase política que se dobrega docilmente aos ditados de Washington, Berlín ou á gran banca española.
O machadazo ás pensións é o próximo capítulo dos recortes que xa están a preparar. A nosa candidatura propón blindar as pensións na Constitución a través dun referendo. De forma que ningún goberno presente ou futuro poida tocalas ou privatizalas.
Todo o sistema político en España está fundamentado en obstaculizar que a voz popular poida ter unha expresión política de seu, mentres blinda unha clase política entregada e submisa aos Obama, Merkel ou Botín.
A nosa candidatura propón acabar con esta situación a través da formación de Asembleas de Electores que permitan un amplo control popular sobre os representantes políticos. Onde os cargos públicos electos estean obrigados a responder perante os seus votantes. E onde os electores teñamos a capacidade de revogar o mandato outorgado no caso de incumprimento do programa para o que foron votados.
O 21-O temos en Galicia a oportunidade de facer avanzar unha alternativa que di que si podemos saír da crise en beneficio da maioría. Que se nos unimos nunha fronte ampla podemos impoñer un camiño distinto ao da rebaixa salarial e aos recortes que nos están impoñendo.